Conxunto gótico do Calvario realizado en madeira policromada cara o ano 1300 procedente da parroquia de San Fiz de Cangas (Ferreira de Pantón). Está composto por tres figuras de canon moi alongado, presididas por un Cristo crucificado de tres cravos, de maiores dimensións que o resto do grupo.
A imaxe de Cristo destaca pola súa expresividade, co rostro ladeado cara á dereita, asi como por certos detalles como o coidado nos pregamentos da vestimenta e o elegante cruce de pernas, elementos que remiten a modelos medievais como o Rei David da Portada de Praterías, atribuído ao Mestre da Porta Francígena. Do mesmo xeito, a imaxe conserva restos de policromía orixinal, especialmente visibles no pano de pureza e en zonas do rostro como as carnacións, as pálpebras e a barba.
As figuras da María e San Xoán completan o grupo, sendo de menor tamaño que a imaxe do Salvador. Ambas transmiten un aire introspectivo, capaz de expresar serenidade e contemento ante o terrible sentimento de dor e culpa que están a experimentar.
Este conxunto constitúe unha mostra excepcional da arte gótica en Galicia, tanto polo seu valor histórico-artístico como pola escaseza de obras medievais en madeira conservadas na contorna.
Finalmente, cómpre salientar que esta obra, actualmente depositada no museo, conserva a súa función ritual orixinal, xa que forma parte da procesión celebrada durante a romaría na parroquia de San Fiz de Cangas.
- Valiña Sampedro et al. (1975). Inventario artístico de Lugo y su provincia (t. II). Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia.