Marco relicario de grandes dimensións que contén no seu interior as teses de bachiller de Catalina de la Cerda y Girón, clarisa do convento e filla do IX Conde de Lemos, e un crucificado en bronce realizado polo artista italiano Guglielmo della Porta. Dita estructura esta realizada en marco de ébano moldurado con sucesión alterna de tecas rectangulares con reliquias e apliques broncíneos con cabezas de querubín.
En canto as reliquias, estas están protexidas por placas de cristal e posúen cadansúa cartela identificativa orlada cunha decoración a partir de liñas azuis e vermellas. No interior de esta estructura, ao fondo, aparece o pano gravado en seda amarela coas seis teses para a obtención do título de bacharel en Filosofía e Medicina de Catalina de la Cerda y Girón, defendidas no ano 1655. Tal como aparece sinalado na parte baixa do pano, o gravado foi realizado polo editor e impresor salmantino Diego de Cossío.
Neste conxunto destaca a inclusión da figura en bronce do Crucificado realizado polo artista italiano Guglielmo della Porta. Trátase dunha imaxe de Cristo crucificado en bronce dourado sobre cruz relicario de ébano. A distribución da cruz resólvese a partir dunha peza central en bronce presente na intersección dos travesaños, a cal presenta aspecto radiado e está presidida polo monograma «IHS», atravesado este por unha pequena cruz e os tres cravos da crucifixión como parte dos Arma Christi.
En canto aos travesaños, mostran un remate a base de apliques de bronce dourado con sendas imaxes de querubíns entre volutas nos extremos e tecas cubertas por cristal nos espazos intermedios. Neste sentido, resulta importante salientar que na parte inferior do travesaño central a peza posúe un elemento metálico para facer de soporte. Por outra banda, neste mesmo sector obsérvase a falta dunha teca para o depósito de reliquias que iría en dito espazo.
Polo que respecta ao Cristo, este reflexa as características esenciais do tipo creado polo artista italiano Guglielmo della Porta. Así, a peza demostra un excelente estudo anatómico, se ben o fai dende unha óptica plenamente manierista. O corpo parece debuxar una leve “S” que se prolonga dende a cabeza, ladeada cara a dereita e mirando cara o chan, e a posición das pernas xuntas e xiradas cara a esquerda. No tocante á súa posición, a cabeza do Redentor aparece situada á altura dos ombreiros xusto por debaixo do travesaño trasversal, na habitual representación de tres cravos. Outro aspecto revelador da peza é a configuración do paño de pureza, o cal está anoado no lateral dereito e debuxa unha leve diagonal descendente. Dito elemento mantén unha idéntica morfoloxía á de outros crucificados creados polo artista lombardo.
Finalmente, queda destacar o alto grao de detallismo á hora de representar elementos coma o rostro, a barba, os cabelos ou as articulacións do corpo. Estes e outros elementos dan testimonio da gran mestría do artista na creación dun modelo de forte tensión dramática, capaz de romper coa rixidez propia do frío metal.
- Andrés González, P. (2020). “De convento a museo. Las colecciones de patronazgo femenino entre las clarisas”, en Ángel Zalama, M. e Andrés González, P. (eds.), Ellas siempre han estado ahí. Coleccionismo y mujeres. Madrid: Ediciones Doce Calles, pp. 95-111.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (2018). “El VII Conde de Lemos transmisor del arte italiano en Galicia”, en Cruz Valdovinos, J. M. e Cañestro Donoso, A. Scripta artium in honorem prof. José Manuel Cruz Valdovinos. Alicante: Universidad de Alicante, pp. 740-749.
- Valle Pérez, J. C., y Fernández Otero, J. C. (1993). Os Museos da Igrexa en Galicia. Ourense: Xunta de Galicia.