Este frontal de altar está confeccionado en seda e bordado con fío de prata, fío sobredourado e fíos de cores, formando unha gran peza rectangular composta pola unión de fragmentos máis pequenos dispostos en posición vertical.
No centro da composición destaca a figura dun cordeiro recostado, representación simbólica de Cristo, que repousa sobre un volume decorado con sete selos dourados, en clara alusión ao Libro do Apocalipse. A escena está enmarcada por un resplandor pintado sobre o tecido, e remite ao pasaxe bíblico:
«A cidade non necesita do sol nin da lúa que a alumee, pois a gloria do Señor a alumea, e a súa lámpada é o Cordeiro» (Ap 21, 24).
O bordado do cordeiro presenta un notable grao de naturalismo, acentuado pola textura que simula a pelaxe natural do animal. O conxunto complétase cunha rica decoración floral de viva cromaticidade, destacando pola gradación de cores e pola súa disposición que evoca unha imaxe xeral de xardín do paraíso.
Esta peza foi elaborada polas relixiosas do Convento de MM. Clarisas da Purísima Concepción, constituíndo unha valiosa testemuña da destreza artística das monxas monfortinas na arte téxtil relixiosa.